O Centro educacional e asistencial para nenos con parálise cerebral foi ante todo un reto ao crear un espazo de gran confort para eses nenos, un lugar no que van pasar moitas horas das súas vidas, tendo como primicia a calidez dos espazos, dos materiais e a luz como elemento transcendente de deseño.
O terreo está enmarcado por un parque público de gran beleza, sendo, grazas á súa variada vexetación un pequeno bosque nos arredores de Vilagarcía de Arousa.
Por iso pensouse nun elemento transparente que sirva de luz e guía á vida dos usuarios do edificio e en especial aos nenos con parálise cerebral.
Así é como se proxecta e conceptualiza un contedor que albergará todas as actividades que levará a cabo o centro, pero sendo este un contedor cheo de luz, unha caixa de luz, acristalada, capaz de absorber durante o día a luz do exterior e irradiar durante a noite a súa propia luz.
O volume resultante constitúese nun elemento esteticamente confortable polas texturas e cores dos seus materiais. O mesmo sucede co interior, onde a madeira será o elemento construtivo que predomine.