A sensación que provoca ese xogo de limitacións que impón o muro e que nun xogo de grande enxeño plástico vai xerando aperturas visuais cara ao mar nun alarde de perspectiva.
Ese labirinto de límite e apertura que xeraron sabiamente as arquitecturas que conforman o lugar histórico, nunha distribución en niveis ou intervalos de proporcións que produce un singular perfeccionamento na composición urbana, polo modo en que se relacionan as diferentes edificacións.
O proxecto concibiuse pois, dende ese mirar arredor e ver ese conxunto granítico, e repetir… Repetir entón dende o valor do espazo libre intermedio, dende o espazo público para a convivencia sempre con gran valor estético. Ordenando e cohesionando un grupo de edificacións que albergasen usos diferentes, inventar en fin, un espazo habitable dende as xeometrías.
O proxecto resalta o como esas xeometrías vai xerando o espazo, o baleiro. Un baleiro entre realidades plásticas.Espazos xeométricos, secuencias de planos puros.
Arquitectura de solucións, resposta á natureza gravitatoria do granito.Volumes simples, adoptados como prismas elementais, capaces de conxugar as formas para provocar un recinto convicto que se vai perforando en pequenas prazas, edificacións que pechan e abren o espazo constituíndo así unha composición interna cóncava. Repetir tamén o emprego do granito como material, como resposta racional, facendo que se exprese no proxecto dun modo evidente, simplemente declarando a súa natureza.